Queridas familias
Fai tempo que non escribimos por aquí e a verdade é que estes derradeiros meses foron un pouco especiais para tod@s.
Coma moitos de vos xa sabedes, a primeiros deste curso teríamos que deixar o noso cargo e convocar unha asemblea para elixir aos novos membros do ANPA, pero as circunstancias que estamos a vivir obrígannos a manternos en funcións ata que se poida convocar unha asemblea.
Tanto o curso pasado, coma este, seguimos a traballar por e para todo o alumnado. Cremos vital que coñezades de primeira man en que se está a inverter a vosa cota de socios.
Ante a prohibición de celebrar reunións pensamos que este era un bo medio. A continuación vos damos os detalles das novidades dende marzo do 2020.
TABOLEIRO SENSORIAL
Uns días antes de que foramos confinados nas nosas casas, colocamos no edificio de infantil un taboleiro sensorial, con varios xogos para os máis cativos. Na actualidade o taboleiro está gardado, xa que o protocolo COVID non permite a súa manipulación. Desexamos que a situación mellore canto antes e así os máis pequerrechos do cole poidan desfrutalo.

LABORATORIO
Como vos dixemos na última reunión presencial que tivemos antes de marzo de 2020, unha das inversións que nos solicitaron dende a dirección do centro, era a adaptación dunha zona común do aulario coma laboratorio, xa que o centro carecía deste espazo. Así que entre o colexio e o ANPA puxémonos mans a obra para adquirir os materiais necesarios para crear un pequeno laboratorio onde os nenos e nenas poidan experimentar e traballar sobre certos contidos estudados na aula.
PINTURAS PATIO
A nosa idea era complementar o patio con diferentes zoas de xogo, invertemos no deseño de varios xogos pintados no chan.
Aínda que o traballo estaba proxectado para a Semana Santa do ano pasado, debido a situación actual pospúxose ata setembro e decembro.
Formulamos no patio catro xogos diferentes que se atopan entre o aulario e o ximnasio.



Paralelamente, a petición do colexio, aproveitamos os servizos de estas profesionais para pintar todas as sinalizacións adaptadas ao protocolo COVID.
RADIO
Durante o confinamento, e atendendo as necesidades formuladas dende dirección , decidimos colaborar na remodelación do espazo destinado á radio. Ampliación de espazo, cambio de portas, compra de material especifico , pintura, levantar tabiques… todo elo foi posíbel grazas ao traballo conxunto do concello, centro e ANPA. Unha reforma custosa e completa que logrará sen dubida ofrecer momentos de gran desfrute e desenvolvemento de diferentes métodos de comunicación para todo o alumnado.
Deixámosvos unhas fotos para que o vexades.
MADRUGADORES E ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES
Dende principios de curso apostamos por facilitar a conciliación familiar na medida que a evolución da pandemia o permitise. Por este motivo mantivemos o servizo de madrugadores e as actividades extraescolares a pesar do esforzo extra que iso supón en canto a organización, control e posta en marcha.
FESTA NADAL
Achegábase o Nadal e queriamos que fose algo especial para os nosos peques, coma outros anos. Así que, aínda que non puidemos interactuar con eles coma en anos anteriores, si puidemos costear a merenda a base dun chocolate quente e rosca. O alumnado de infantil a volta das vacacións atopouse unha sorpresa na aula, que algún “ser máxico” lles deixou mentres eles non estaban.


Isto é un resumo das inversións máis destacadas que levamos efectuado no último ano. Como sabedes , a maiores seguimos presentando documentación para beneficiarnos de subvencións , participamos no consello escolar, mantemos reunións frecuentes co equipo directivo , abrimos o local do ANPA os xoves…
Seguiremos poñendo moito amor en todo o que facemos e estaremos aquí ata final de curso, traballando en boa sintonía co equipo directivo , co único obxectivo de favorecer a estancia dos nosos peques na escola, ofrecer alternativas e que gocen moitísimo do aprendizaxe.
Estamos moi agradecidos a todas esas familias que colaborades de distintas maneiras. Nos só xestionamos os recursos pero o voso respaldo para continuar é fundamental.
Queremos enviarvos unha mensaxe de ánimo sendo conscientes das complicacións familiares e laborais que moitos de vos estades a sufrir.
Xa queda menos !!